Friday 03 de May de 2024

Os veciños poderán propoñer asuntos para os plenos e promover regulamentos coa nova ordenanza de participación cidadá


A POSIBILIDADE DE REALIZAR CONSULTAS POPULARES E O REXISTRO MUNICIPAL DE ASOCIACIÓNS E ENTIDADES SON OUTROS ASUNTOS REGULADOS NA NORMATIVA

O Boletín Oficial da Provincia publica no día de hoxe a aprobación inicial do proxecto do Regulamento Orgánico do Concello de Riveira: unha nova normativa cuxo texto gozou do visto bo unánime dos grupos municipais da Corporación na última sesión plenaria e sobre que se abre agora un prazo de trinta días para que calquera interesado poda efectuar suxestións ou reclamacións ao respecto.

Este regulamento está distribuído nun título preliminar e tres grandes títulos que inciden nos dereitos dos cidadáns (Título I), o Rexistro Municipal de Asociacións e Entidades Cidadás (Título II) e os órganos de participación cidadá (Título III).

Iniciativa cidadá
Entre os dereitos recollidos no Título I establécese o dereito á iniciativa cidadá, de tal xeito que calquera persoa pode promover accións ou actividades municipais tales como a aprobación de proxectos de regulamento nos ámbitos de competencia propios (descártanse os tributos e prezos públicos) e propoñer asuntos para a súa inclusión na orde do día dos plenos, solicitar ao Concello que faga determinada actividade de interese público municipal, comprometéndose os solicitantes a achegaren medios económicos, bens, dereitos ou traballo persoal.

Afondando sobre os asuntos a incluír na orde do día, o texto especifica que, de acordo co lexislado na Lei de Bases de Réxime Local, ditas propostas teñen que ser solicitadas por un número de sinaturas non inferior aos 10% dos veciños do concello.

O regulamento tamén recolle o dereito á información (todas as persoas teñen dereito a ser informadas e dirixir solicitudes en relación con expedientes e documentación municipal e, paralelamente, o concello ten a obriga de informar á cidadanía da súa xestión administrativa), o dereito de intervención nas sesións públicas municipais (por exemplo, as asociacións ou entidades poderán efectuar unha exposición ante o pleno en relación a puntos da orde do día en cuxa tramitación administrativa interviñese como interesado), o dereito de petición (expresando unha suxestión, información, queixa ou súplica sobre calquera asunto xeral, colectivo ou particular), o dereito de audiencia e as consultas populares (o alcalde, previo acordo por maioría absoluta do pleno, poderá someter a consulta popular aqueles asuntos de competencia municipal que sexan de especial relevancia para os intereses dos veciños, con excepción da facenda local).

No Título II regúlase o Rexistro Municipal de Asociacións e Entidades Cidadás, no que poderán ser inscritas todas as asociacións sen afán de lucro legalmente constituídas que teñan como obxectivos a defensa, o fomento ou a mellora dos intereses dos cidadáns e, en particular, as asociacións de veciños, de pais de alumnos, entidades culturais, deportivas, recreativas, xuvenís, sindicais, empresariais, profesionais e outras similares. Estas entidades terán dereito a recibir información directa sobre os asuntos que sexan do seu interese, facer propostas sobre os asuntos que afecten aos seus intereses, formar parte dos órganos de participación cidadá, facer uso dos medios públicos municipais e participar na asignación de medios ou distribución de axudas.

Consellos sectoriais e distritos
En canto aos órganos de participación cidadá, están regulados no Título III, que distingue dous tipos: consellos sectoriais e distritos. Os órganos sectoriais teñan carácter consultivo e deliberante e unha función informativa e de asesoramento, realizando aquelas propostas que considere adecuadas para favorecer a participación cidadá. Poderanse constituír arredor de temas concretos, tales como a xuventude, a cultura, os festexos (de feito, como anexo ao regulamento introdúcese un regulamento orgánico do Consello Sectorial de Festexos), o medio ambiente, etc.

No que se refire aos distritos, terán carácter de órganos territoriais de xestión desconcentrada coa misión de mellorar o acercamento á poboación dos asuntos locais.